O factor humano. Crónica axitpop para o I Concurso de xornalismo musical Querostar

Posted on 02/10/2011

3


“Vin os mellores cerebros da miña xeración destruídos pola
loucura, famélicos, histéricos, nus (…)”
Ouveo (1956) Allen Ginsberg

Semellaba “O factor humano” unha novela máis de espionaxe, coa súa clásica e sinxela trama ambientada en plena Guerra Fría, pero resultou ser, sen embargo, un canto ao impulso humano máis profundo e verdadeiro: o desexo de amar e ser amados. Lembrei a Graham Green durante a final do Querostar en tanto escoitaba ás bandas e comprobaba o seu amor á música que practican, tanto o que dan como o que piden. Tamén lembrei a Ginsberg, que tanta liberdade e autenticidade derramou.

Efectivamente, as catro propostas que se nos presentaron onte na sala The Star para competir por este atractivo certame amosaron, sen ningún lugar a dúbidas, o mellor do seu repertorio, profesionalidade e calidade. Fóra do aparato meramente musical, resultou ademais que eran todos boa xente. Quen se achegou por esta final gozou sen condición. Quen decidiu escoller algo diferente que facer, perdeu parte dese impulso animal que move os motores da alma, se esta existe, e dos sentimentos que controla ese latexo impenitente que marca as nosas propias horas ata que o seu final supón a nosa liquidación humana.

Arrincaron con forza os rapaces de Neverside. A súa oferta combinou as pezas do seu ep “Rage” cos novos traballos que van sumando ao seu estudado e metálico repertorio. Unhas veces escuro, outras luminoso, a súa forza combinou a potencia dos seus riffs cunha posta en escea máis propia das bandas experimentadas que duns aparentes adolescentes que desenvolven, sen embargo, unha aposta absolutamente adulta. Tamén extrema, en coherencia coas propostas máis actuais do xénero do metal. O xurado, composto por Santi Romay, Luis P. Ferreiro, Teba Chacón, Susana Seivane e Segundo Grandío, premiaron o seu proxecto co segundo posto desta segunda edición do Querostar, ganándose a pulso os cincocentos euros de premio que lles corresponderon. Espero coincidir con eles de novo.

A continuación, os Moondogs Blues Party, cos que coincidíramos na cuarta xornada da fase previa, presentaron un repertorio moi destacable, ideado con claridade para expoñer neste evento. Toda unha aposta profesional, unha sorte de xenial big band que interpreta as notas que ao propio Ginsberg o acompañaron durante a súa composición poética máis recoñecida, a mencionada “Ouveo”. Hai quen espanta os seus demos con alcohol. Os Moondogs non o precisan. A voz cuidadamente rota de Javier Prado, unida á potencia dos seus metais e o arrolo da base rítmica facían deste proxecto un dos máis claros favoritos a levarse o gran premio final. Un problema técnico deixounos sen os micros de voz durante uns dez minutos. En tanto non se resolveu o problema, conseguiron defender con igual forza o seu traballo entregándonos a súa alma en bandexa de prata con forma de música instantánea, vitalista e absolutamente rabiosa. Non espero, quero coincidir de novo con esta xente. O xurado decidiu outorgarlles o terceiro posto do Querostar.

A terceira banda en litixio foi Moon Cresta. Tiña xa eu gana de escoitalos en directo. Os ingredientes que cociñan estes musicazos forman parte da miña cultura culinario-musical. Tamén da túa. Unha certa mistura intelixente de calor californiano e humidade británica practicada con gran profesionalidade e suxerente calidade interpretativa. Non en van se pasearon polos concertos de Radio 3 e La Gramola. Por algo será. Que vivimos tempos revoltos non se discute. No caso da industria musical isto xa vén desde atrás. Só así pódese explicar que unha banda destas características non teña o seu sitio no triste, gris e, en ocasións, nepotista panorama musical español. Moito me gustou o seu “Burn”. Ao xurado tamén. Moon Cresta levouse o primeiro premio do Querostar. Eran unha das grandes apostas da noite.

Por último, encheron o escenario da sala os meus amigos –e algo máis- de NOC, cos que teño compartido un verán e primeirísimo outono de infarto. Cando o río soa é que auga leva. Cinco finais en dous meses e medio son moita auga. E aínda poden sumarse máis afluentes. E aquí non me vou cortar. Discutida por algúns a súa presencia na final, en parte pola “impertinencia” de aparecer como un proxecto de renovado protagonismo femenino vocal fronte á personalidade escura e intimista do seu anterior vocalista, guitarrista e compositor, Lex, contar con NOC nesta final supuxo apostar por unha banda que fai do repertorio máis propio e orixinal o eixo central do seu proxecto, agora reforzado coa potencia vocal de Belén. Cando interpretaron “Como Siempre” -tema estreado onte- engrandeceron esta final. Unha cousa é facelo ben. Outra ben diferente ser unha estrela. Eu entendo a diferencia. O tempo falará, de certo que falará. Xa veremos de quen. O xurado decidiu outorgarlles o cuarto e último posto desta final do Querostar, o que lles dá dereito a unha hora de gravación nos estudos da Radio Galega.

Grazas, Álvaro, Pilar, Jaime, Marcos, e toda a xente de Airapro.

Axitpop